A federación Lugo Rural Importa esixe que abra ao público o aparcadoiro da Avenida Breogán

A federación de asociacións veciñais Lugo Rural Importa insta ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia a alcanzar un acordo que permita abrir ao público o aparcadoiro construído pola administración autonómica na confluencia da avenida de Breogán coa rúa Orquídea.
A obra, finalizada en setembro de 2024, permanece pechada desde entón, a pesar de ter suposto un investimento de 1,2 millóns de euros e ocupar unha superficie de 5.700 metros cadrados.
Desde a federación veciñal denuncian que a situación responde, unha vez máis, ás habituais discrepancias entre administracións de distinto signo político, algo que, aseguran, “retrasa a creación e posta en funcionamento de servizos e infraestruturas necesarias para mellorar a calidade de vida dos lucenses”.
Segundo recollen diversos medios, o enfrontamento entre Concello e Xunta xira arredor de dous puntos principais. Por unha banda, as inundacións que se producen na contorna do aparcadoiro, aparentemente derivadas da falta de canalización axeitada para un pequeno regato, circunstancia que, segundo técnicos da Xunta, xa fora advertida a finais de 2023. Mentres o Concello sostén que as obras do aparcadoiro agravaron a situación, a Xunta acusa ao goberno local de non ter actuado para evitala, provocando así danos no firme da próxima rúa Monte Pena Rubia.
O segundo punto de fricción refírese á asunción de competencias e ao financiamento necesario para resolver o problema. A pesar de que, segundo fontes autonómicas, as obras necesarias corresponderían ao Concello, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, declarou que a administración galega asumiría a execución e os custes, solicitando a autorización correspondente ao Concello, que a día de hoxe, denuncian, aínda non foi resolta.
“O relevante non é quen ten a responsabilidade do problema, senón que ambas administracións, que se financian cos impostos dos lucenses, traballen de forma coordinada para solucionalo”, sinalan desde Lugo Rural Importa. A federación fai un chamamento tanto ao delegado da Xunta como ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para que “deixen a un lado as diferenzas políticas” e permitan que a infraestrutura comece a prestar servizo canto antes.
O aparcadoiro, cuxa construción foi aprobada en marzo de 2023 polo Consello da Xunta, continúa pechado tras máis de sete meses desde a finalización das obras. Lugo Rural Importa considera esta situación “inadmisible” e reclama solucións inmediatas. “Xa abonda de remendos e promesas. Lugo precisa infraestruturas axeitadas que melloren a vida dos veciños”, conclúen.