A Federación veciñal acusa á Xunta de facer un reparto discriminatorio de axudas ás festas

LugoXa
Esixe, entre outras medidas, un programa de axudas transparente, con condicións claras publicadas no Diario Oficial de Galicia
dineiro-cartos-moedas-orzamento
5 Aug 2025

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo “Lucus Augusti” manifesta que en ningún momento se opón ás axudas destinadas ás festas patronais. Pola contra, defende activamente o seu valor, xa que moitos dos seus membros participaron e participan na organización deste tipo de eventos, polo que resulta absurdo pensar que poidan estar en contra de que a Xunta de Galicia colabore economicamente con estas actividades.

O que esta federación rexeita con firmeza é a existencia dun sistema de axudas sectario, discriminatorio e opaco, sustentado nun programa sen base legal, que exclúe aquelas asociacións que non comparten a ideoloxía do actual goberno galego ou que manifestan unha postura crítica co mesmo. Segundo denuncia a federación, mesmo logo de ser concedidas, as axudas poden ser retiradas se as persoas ou entidades beneficiarias expresan críticas cara á Xunta de Galicia.

Para eles, existen exemplos recentes que ilustran esta situación como a Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa, "que non recibiu axuda por parte da Xunta ao ser organizada por unha asociación crítica co goberno galego". Nas Festas de Galegos, a Xunta comprometeuse a conceder unha subvención de 500 €, "que finalmente foi retirada tras publicarse unha fotografía da presidenta da entidade organizadora na que se criticaba o sistema de reparto" e nas Festas do Veral, a Xunta chegou a colocar o cartel oficial de colaboración, "mais retirou a axuda debido á presenza de persoas críticas coa Xunta na comisión organizadora".

A federación deixa claro que o que demanda é un programa de axudas xusto, sen exclusións ideolóxicas, sen discriminación nin favoritismos partidistas. A consideración é que os fondos públicos non deben ser empregados como ferramenta electoral ao servizo de intereses concretos, como por exemplo favorecer a candidatura da señora Candia á alcaldía de Lugo. Apuntan, ademais, que mentres se reparten axudas de 500 € no rural lucense e cantidades moi superiores nas festas urbanas, noutros concellos sen interese político por parte da Xunta non existe ese reparto xeneralizado, o que demostra un uso desigual e interesado dos recursos públicos.

Afirman que, para os lucenses, esta situación podería resumirse no dito popular “pan para hoxe, fame para mañá”, ou, se se permite unha expresión máis crúa pero esclarecedora, “milagre feito, santo á merda”, deixando entrever o que podería acontecer coas axudas no caso hipotético de que o Partido Popular chegase a gobernar o Concello de Lugo.

Por todo isto, esixen a creación dunha lexislación clara que estableza criterios obxectivos para que todas as comisións de festas poidan acceder ás axudas en igualdade de condicións, mediante un marco normativo común e aplicable ao conxunto das parroquias de Galicia.

Reiteran que non se opoñen ás axudas, senón que as reclaman con contundencia, coñecendo o esforzo e compromiso das comisións de festas, que desempeñan un papel esencial no ámbito cultural, económico e social das parroquias e barrios. Non obstante, non aceptan que as subvencións se repartan premiando aos “afíns” e castigando aos críticos.

Así, a Federación de Asociacións de Veciños “Lucus Augusti” esixe un programa de axudas transparente, con condicións claras publicadas no Diario Oficial de Galicia, para que toda a cidadanía coñeza os requisitos para acceder ás axudas e o destino real dos fondos públicos.

Tamén pide que as festas patronais deixen de ser utilizadas como un instrumento electoral ao servizo do señor Arias, da señora Candia ou doutros representantes políticos que actúan segundo intereses partidistas, e que o delegado da Xunta en Lugo actúe como representante de toda a cidadanía lucense, e non como un “monaguillo” ao servizo da candidatura da señora Candia, exercendo de axente electoral do Partido Popular.

"Fronte ao modelo actual, que cualifican de sectario, discriminatorio, opaco e propio do caciquismo máis rancio", propoñen un modelo baseado en criterios obxectivos, regulado oficialmente no DOGA, onde o acceso ás axudas non dependa da afinidade política.

Por último, a federación continúa á espera de respostas por parte do Defensor del Pueblo, da Valedora do Pobo, e de explicacións por parte do partido que goberna a Xunta de Galicia, máis alá de intentos de distraer a atención para ocultar unha xestión que consideran profundamente inxusta e partidista.

⚙ Configurar cookies
0.39620399475098