A federación veciñal de Lugo dirixirá dous anos a Cogave
A Federación de Asociacións de Veciños 'Lucus Augusti' de Lugo dirixirá, durante os dous vindeiros anos, o movemento veciñal de toda Galicia, ao asumir a presidencia da Confederación Galega de Asociacións Veciñais 'Rosalía de Castro' (Cogave).
Así se acordou na xuntanza do Consello Confederal, o máximo órgano entre asambleas, da Cogave que se vén de celebrar en Lugo e á que asistiron os presidentes e representantes das federacións de veciños de Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Cangas.
Na dirección do movemento veciñal galego, Lugo pasará a ocupar a presidencia, a secretaría xeral, a tesourería e a portavocía. Desde a federación lucense lembran que a cidade ocupa tamén a día de hoxe a dirección da plataforma Galicia Baleira, movemento veciñal incluído na España Vaciada e que aglutina a federacións veciñais das provincias de Lugo e Ourense.
O colectivo veciñal prevé que no prazo máximo dun mes quede constituída a nova directiva da Cogave, que rexerá o destino dos vindeiros anos no movemento veciñal galego.