A Federación Veciñal de Lugo e Galicia Baleira esixen á Xunta máis axilidade na valoración da dependencia

GaliciaXa | LugoXa
Ambas entidades denuncian que os procedementos actuais para recoñecer os graos I, II ou III de dependencia poden alongarse durante dous ou tres anos
reunion-delegado-galicia-baleira
13 Jun 2025

A Comisión Permanente da Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti, composta por 24 membros, acordou nunha reunión celebrada recentemente, e co respaldo do colectivo Galicia Baleira, reclamar da Xunta de Galicia unha maior dilixencia e operatividade nos procesos de valoración do grao de dependencia por parte dos servizos sociais autonómicos.

Ambas entidades denuncian que os procedementos actuais para recoñecer os graos I, II ou III de dependencia poden alongarse durante dous ou tres anos, un atraso que consideran inxusto e inaceptable. De feito, subliñan que “miles de persoas dependentes morren en Galicia sen que se lles recoñeza o grao de dependencia en vida”, o que impide o acceso a axudas económicas para afrontar os gastos dun centro xeriátrico privado ou para contratar coidadores no domicilio mentres agardan, tamén durante anos, por unha praza pública.

As organizacións denuncian que o proceso está “excesivamente burocratizado” e que a Xunta conta con equipos de valoración escasos e claramente insuficientes para atender a demanda existente. Por iso, propoñen que o prazo máximo para resolver a valoración sexa de seis meses e esixen unha resposta política eficaz e comprometida.

“Os nosos maiores merecen máis respecto e axilidade. Necesitamos menos papeleo, máis recursos humanos e máis responsabilidade política”, sinalan desde a Federación Lucus Augusti e Galicia Baleira, que cualifican esta situación de “inxusta e inmoral”. Lembran, ademais, que o dereito á dependencia está recollido na Lei 39/2006, no Decreto 142/2023 e no artigo 22.9, e que a súa aplicación real debe garantirse con medios suficientes e unha vontade política clara.

⚙ Configurar cookies
0.1770339012146