A Federación Veciñal Lucus Augusti súmase ao manifesto da Rede Estatal de Mulleres Veciñais polo 8M
A Federación Veciñal de Lugo Lucus Augusti xunto co grupo de Mulleres Veciñais con motivo da celebración do 8M súmase ao manifesto da Rede Estatal de Mulleres Veciñais, dentro da Confederación Española de Asociacións Veciñais baixo o lema “Nos dereitos das mulleres, nin un paso atrás”. O manifesto recolle esixencias para avanzar na igualdade real entre homes e mulleres. Entre elas atópase a demanda dunha educación pública, laica e feminista, libre dos valores patriarcais, que promova a igualdade ás aulas, na elección dos itinerarios académicos e nas saídas profesionais.
Ademais, solicitan servizos públicos que garantan unha atención de calidade tanto á infancia de 0 a 6 anos, como nas persoas maiores e en situacións de dependencia e a implementación urxente de medidas para a erradicación da pobreza das mulleres, con políticas de ocupación con perspectiva feminista, así como a inserción social e laboral real e efectiva das mulleres con discapacidade.
O manifesto tamén recolle a petición de pensións dignas e xustas con perspectiva feminista, a derrogación da Lei de Estranxeiría e garantir o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, legal, seguro e gratuíto na sanidade pública e a saúde sexual e reprodutiva. Continúan demandando a reversión dos servizos privatizados a públicos e con xestión directa, “porque é imprescindible contar cuns servizos públicos universais e de calidade para ter o dereito de acceso en condicións de igualdade e equidade” e unha lexislación abolicionista efectiva e progresiva no tempo do sistema de prostitución, da pornografía e os ventres de alugueiro, entre outras demandas.