A Federación veciñal reclama á Confederación Hidrográfica máis de 40 intervencións en ríos da provincia
A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti vén de facer público o resultado dun estudo das diferentes asociacións vinculadas ao Río Miño e os seus afluentes en toda a provincia.
Nel advirten unha serie de problemas nos leitos e demandan á Confederación Hidrográfica do Miño Sil que faga unha atención nos puntos que citan. Trátase de 41 peticións, algunhas delas nun mesmo río, que consisten principalmente na retirada de troncos e na limpeza do leito. Nalgúns casos reclaman tamén a retirada de escombros acumulados polas enchentes.
Neste estudo colaboraron unha trintena de colectivos deportivos e veciñais que expuxeron os puntos onde é máis necesaria a actuación.
Así, reclaman na capital actuacións en varios puntos do Rato e do Miño, que afectan tamén ás parroquias de Orbazai, Ombreiro, Monte de Meda, Santalla de Lamas e Gondar.
Tamén se inclúen actuacións en concellos da comarca de Lugo, como en Castro de Rei (no río Pequeno, Rego de Río de Vila e río Lea), O Corgo (Marei, Poncela e Romeán), Friol (Narla) e Outeiro de Rei (Ladra, Miño, Pequeno e Parga).
Na Terra Chá tamén reclaman limpeza en Cospeito, con atención en Muimenta, Santa María e Xustás (nos ríos Miño, Támoga, Pequeno), en Begonte (Parga), Guitiriz (Labrada e Veiga), Vilalba (Magdalena), A Pastoriza (nos regos das Quintas e das Rigueiras).
Na zona da Montaña subliñan actuacións en Baralla (no río Neira) e en Castroverde (no Tórdea).
Na zona de Sarria, destacan necesidades de actuación no río Pequeno, en Vilapedre; no Villouzán, en Goimil, e no río Galegos, xa no concello de Láncara.
Finalmente, na Ribeira Sacra sitúan puntos de intervención en no Partene (Quiroga), no Sardiñeira (O Saviñao) e no río Mao, en Monforte de Lemos.