A Fegamp impulsa a igualdade de xénero co programa “Cambia de Bando” no IES Ánxel Fole

LugoXa
A iniciativa busca sensibilizar ao alumnado sobre estereotipos machistas e a violencia de xénero a través de educación e reflexión
Ángeles-Novo-no-programa-Cambia-de-bando-IES-Anxel-Fole
1 Dec 2025

O Concello de Lugo, mediante a Concellería de Muller e Igualdade, participou no IES Ánxel Fole nunha actividade educativa enmarcada no programa “Cambia de Bando”, promovido en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A iniciativa ten como obxectivo fomentar a igualdade de xénero e combater o machismo mediante a sensibilización e a educación, cuestionando estereotipos, prexuízos e comportamentos normalizados que perpetúan a desigualdade, convidando ao alumnado a reflexionar e actuar para o cambio.

Na xornada participaron 29 estudantes de primeiro de Bacharelato, e estivo presente a concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, quen destacou a importancia de “erradicar estereotipos machistas e poñer fin ao negacionismo sobre a violencia machista, presente en discursos perigosos nas redes sociais”, subliñando tamén a necesidade de “loitar de xeito transversal contra unha lacra que nos afecta a todos como sociedade”.

Xunto á edil estiveron Patricia Vilán, secretaria xeral da Fegamp, e Felisa Redondo, profesora do centro. Durante a sesión, o alumnado realizou un cuestionario titulado “Canto machismo tes”, que permite analizar a percepción da mocidade sobre a igualdade e o machismo.

Este proxecto, que se desenvolve en colaboración cos concellos galegos, busca sensibilizar á xuventude e fomentar unha sociedade máis xusta e igualitaria. Ángeles Novo subliñou que “é precisamente a xuventude quen pode construír unha sociedade libre de violencia e máis igualitaria”, lembrando que poñer en cuestión estereotipos e condutas normalizadas é esencial para combater a desigualdade en múltiples ámbitos sociais.

A iniciativa continuará en diversos centros galegos ao longo de decembro, para finalizar a campaña en xaneiro. Os resultados, que se presentarán nun informe global, daranse a coñecer con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema “Se queres igualdade, queres feminismo: que a vergoña cambie de bando”.

⚙ Configurar cookies
0.079523086547852