A Feira de Artesanía Gastroarte celebrarase na praza Maior no próximo San Froilán

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou os acordos da Xunta de Goberno celebrada hoxe, cando o Goberno de Lugo comezou a dar os primeiros pasos administrativos do San Froilán 2025. Arroxo anunciou que se aprobou xa o procedemento de licitación para alugar as casetas nas que se colocarán os distintos postos de venta durante as festas. O contrato está distribuído en 4 lotes segundo as zonas do centro onde se coloquen.
Así, o Concello saca a licitación as casetas de Rodríguez Mourelo por 39.325€, en Puro Cora por 10.067€, en García Portela por 8.615€ e na praza Maior por 13.915€ de orzamento máximo. O contrato terá unha duración de dous anos (San Froilán 2025 e 2026) e será prorrogable para 2027 e 2028. As casetas deberán estar instaladas entre o 30 de setembro e o 13 de outubro, para dar servizo durante as festas.
Ademais, Arroxo anunciou o cambio de ubicación da Feira de Artesanía e Gastronomía Gastroarte, que este ano se celebrará na praza Maior. En total, licítanse 23 postos que poderán ser de artesanía ou gastronomía (viños, augardentes, licores tradicionais, queixos, mel, produtos cárnicos, agricultura ecolóxica, produtos vexetais, panadería e repostaría). Os postos terán unha licitación de 802,55 € cada un.
A nova ubicación será na fronte inferior da Praza Maior, onde habitualmente se coloca o bus de doazón de sangue, con 19 postos, máis outros 4 na frontal do Círculo das Artes.
Por último, Arroxo deu conta do contrato de subministro de EPIs para a Praza de Abastos, Mercado Municipal e Cemiterio de San Froilán. Hai un mes iniciouse o proceso de contratación, pero ao só presentarse unha oferta que non cumpría co prego, o Goberno de Lugo declara deserto este procedemento o procedemento e comeza a traballar xa nunha nova licitación para adxudicar este subministro