A feira de L de Lugo conta con varias catas-degustación de diferentes produtos artesáns
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na inauguración da mostra de distribución hostaleira L de Lugo.
Esta iniciativa, que se consolidou en tan só catro anos e que conta deste o primeiro co apoio da Deputación, recibiu para esta edición unha achega provincial de 15.000 euros.
“Estamos nun espazo que conecta profesionais e público en xeral, xuntando aos mellores cociñeiros, produtos destacados con denominacións de orixe e identidades xeográficas protexidas, así como as principais marcas do sector en Galicia”, valorou García Porto, e engadiu que a Deputación colabora con esta cita porque a da distribución “é unha actividade fundamental para dinamizar a economía, xerar emprego e poñer en valor un turismo de calidade e de experiencias”.
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu á feira L de Lugo que se está a celebrar os días 27 e 28 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense.
A titular do departamento salientou a importancia deste evento, que como lembrou, comezou sendo un encontro de distribuidores locais e “pouco a pouco” foise convertendo nun escaparate gastronómico de referencia para toda a provincia e que reivindica o seu potencial turístico a través dos produtos de calidade diferenciada.
No seu percorrido polo recinto, a conselleira puido coñecer o expositor de deseño propio de 60 metros cadrados da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que ten presenza na cuarta edición deste evento.
Alí, María José Gómez foi partícipe dalgunhas das actividades programadas pola Axencia, ás que definiu como “fundamentais e dinámicas” para poñer en valor e dar a coñecer as producións agroalimentarias galegas amparadas por un selo de calidade diferenciada. O stand inclúe tamén unha aula de catas para un máximo de 20 persoas.
A primeira xornada de L de Lugo conta con varias catas-degustación de diferentes produtos artesáns, como aceites, xeados, queixos e cervexa; así como unha cata dos viños tintos e brancos premiados na Cata dos Viños de Galicia 2024 e da cata dos Queixos de 2023.
O último día da feira, o 28 de outubro, os asistentes poderán gozar dunha degustación de embutidos artesáns, queixos galegos con denominación de orixe protexida e augardentes e licores tradicionais.
A maiores, haberá unha demostración de cociña centrada na elaboración de pratos a base de carne da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega acompañados por produtos hortícolas con selo de calidade ou co distintivo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.