A Feira de Produtos do Campo e Artesanía repartirá máis de 2.500 racións de becerro ao espeto na Milagrosa
A praza da Milagrosa acolle vixésimo cuarta edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía, que se presentou no salón de plenos do Concello de Lugo. A cita terá lugar os vindeiros días 24, 25 e 26 de maio e reunirá a uns 30 expositores de toda Galicia e tamén de Asturias e León. Un evento, sobre o que a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou “a súa aposta polo autóctono e por dar visibilidade aos produtos do noso sector primario”.
Trátase dunha actividade, organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, que contará este ano con varias novidades, grazas á colaboración do Concello, que leva apoiando desde os seus comezos a celebración desta cita. “Un ano máis demostrará o seu poder de convocatoria porque, ademais de ser unha festa que porá en valor os nosos produtos autóctonos e as creacións artesás, trátase dunha das feiras urbanas máis importantes de Galicia”, asegura a rexedora.
Alvarellos fixo fincapé no importante poder de convocatoria deste barrio, polo que se mostrou convencida de que “durante estes tres días a praza da Milagrosa converterase nun auténtico escaparate dos produtos de máis calidade e sona do noso sector primario, servindo ao mesmo tempo de dinamizador para o resto do barrio e da cidade”.
O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, salientou que esta feira, que cumpre 27 edicións, é "máis ca un escaparate para os nosos produtos alimentarios e artesáns, pois tamén é un punto de encontro para os nosos veciños e veciñas. É un lugar onde as familias poden desfrutar dun día de entretemento, probando os nosos produtos locais e apoiando aos nosos produtores”. Explicou que esta é unha cita lúdica e cultural que, dende a súa primeira edición, no ano 1998, se foi consolidando como un referente na posta en valor dos produtos “do noso rural e das nosas tradicións, pero tamén como un importante activo turístico da cidade”.
Retrata a personalidade da Milagrosa
O deputado indicou que esta Feira de San Isidro retrata moi ben “a personalidade da Milagrosa, un barrio moi dinámico, aberto e inclusivo, pero tamén sintetiza o modelo de desenvolvemento rural que queremos para a provincia de Lugo dende a Deputación. Un modelo no que o sector primario ten un peso capital, cheo de historia e de experiencia, e que, ao mesmo tempo, está aberto ao futuro a través da innovación e da investigación para avanzar en competitividade e valor engadido”.
Pola súa banda, o presidente da citada asociación, Jesús Vázquez, sinalou que “entre as novidades do programa desta edición destacan máis actuacións musicais e verbenas, ademais dunha degustación gratuíta de becerro ao espeto, na que está previsto repartir máis de 2.500 racións e que é posible grazas á doazón particular de César Dorado, presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega”.
Xunto a un gran número de veciños e veciñas do colectivo organizador, ao acto de presentación asistiron o presidente e o secretario da asociación, Jesús Vázquez e Luís Abel, respectivamente; o presidente de Acruga, César Dorado; e o Deputado da Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, en representación da Deputación de Lugo, institución que tamén colabora dun xeito moi activo coa celebración desta feira.