A Feira do 48 volve á Praza Maior de Lugo con dous días de música, baile e artesanía tradicional

LugoXa
A Feira do 48 toma como referencia o ano 1948, data da fundación de Cántigas e Frores, que dende entón traballa na promoción da música e do baile tradicional galego
Feira-do-48-Cantigas-e-Frores-Lugo-2025
25 Jun 2025

A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza esta semana unha nova edición da Feira do 48, que se celebrará os días 27 e 28 de xuño na Praza Maior de Lugo co apoio da Vicepresidencia da Deputación e da área de Cultura do Concello.

O evento, que recupera o espírito das feiras tradicionais da cidade, ofrecerá dúas xornadas intensas de actividade arredor da música, o baile, a artesanía e os xogos populares.

A programación comeza o venres 27 ás 17:28 horas coa lectura do pregón a cargo do escritor e docente Lois Pérez. A seguir terá lugar o festival de fin de curso das escolas infantís e, a partir das 19:48, concertos de Cé Orquestra Pantasma, SilvaRedonda e Bouba.

O sábado 28 a actividade arrinca ás 10:48 coa apertura da feira de artesanía e un concerto do Coro Galego de Cántigas e Frores. Ás 11:48 será a quenda do festival das escolas de adultos e, tras unha pausa ao mediodía, a feira retómase ás 16:00 cunha nova sesión de artesanía e a actuación dun cuarteto da asociación.

Ás 16:48 celebrarase un obradoiro de baile tradicional impartido por Miguel Pardo, seguido das actuacións dos distintos grupos de Cántigas e Frores —baile, cantareiras, charanga, banda de gaitas e percusión— ás 17:48.

O evento pecharase ás 19:48 con concertos de Pandereteiras do Fiadeiro, o grupo A Volta do Agro e A Requinta de Lampai.

As deputadas de Cultura Iria Castro e Maite Ferreiro animaron á cidadanía e ás persoas visitantes a participar desta celebración que recupera un escenario emblemático como o quiosco da música e destacaron o éxito de anteriores edicións como garantía dunha ampla participación.

A Feira do 48 toma como referencia o ano 1948, data da fundación de Cántigas e Frores, que dende entón traballa na promoción da música e do baile tradicional galego, tamén desde a docencia.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO

⚙ Configurar cookies
0.07963490486145