A Feira dos Santos de Monterroso superou, de novo, todas as expectativas
A Feira dos Santos de Monterroso, unha festa centenaria e declarada Interese Turístico Galego, volveu ser un éxito despois de sobrepasar todas as estimacións de persoas que se ían achegar.
Desde primeira hora do 1 de novembro, veciños e veciñas de Monterroso, así como centos de persoas doutros concellos de Galicia e de fóra da comunidade quixeron desfrutar dos máis de 1.000 postos con produtos de todo tipo á disposición de todos os que se achegaron.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, acompañado polos membros do equipo de Goberno, Jessica Rodríguez e Balbino Martínez, fixo un percorrido polos postos da Feira de Santos coa conselleira de Medio Rural, María José Gómez, na que tamén participou o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e alcaldes das vilas próximas, entre outros
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou a importancia deste tipo de mercados na promoción e comercialización das producións agroalimentarias galegas. Destacou, así mesmo, a ampla tradición desta feira, unha das máis antigas de Galicia, e a gran afluencia de público que acada ano tras ano.