A Feira Gastroarte leva a súa artesanía e sabor á Praza Maior no San Froilán

LugoXa
A cita reúne 23 postos de creación artesanal e produtos gastronómicos galegos nunha nova localización central no corazón das festas
Feira-de-Artesanía-Gastroarte-San-Froilán-Lugo
7 Oct 2025

A feira de Artesanía Gastroarte, organizada pola área de Cultura do Concello de Lugo, celebra este ano unha edición especial coincidindo co San Froilán, xa que por primeira vez se instala na Praza Maior.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que se trata “dunha localización de primeira para unha das actividades do San Froilán que máis visitantes recibe cada ano”.

En total, son 23 os postos que compoñen esta mostra, combinando artesanía e produtos gastronómicos como viños, augardentes, licores tradicionais, queixos, mel, carnes, agricultura ecolóxica, produtos vexetais, panadería e repostaría.

A feira súmase así ao ArteSanFroilán, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e situado na praza Anxo Fernández Gómez, co obxectivo de converter as rúas da cidade “nun gran mostrador de todas as expresións artísticas galegas, incluíndo á artesanía”, segundo afirmou Ferreiro.

A nova ubicación de Gastroarte sitúase na fronte inferior da Praza Maior, no espazo onde habitualmente se coloca o bus de doazón de sangue, con 19 postos, e outros catro máis fronte ao Círculo das Artes.

CONSULTA A PROGRAMACIÓN DO SAN FROILÁN 2025

⚙ Configurar cookies
0.10986399650574