A feminidade e o seu poder protagonizan a nova mostra do Museo Provincial de Lugo
A artista catalá Ana María Marín é a responsable da exposición, formada por 15 pezas de madeira, terracota e bronce
Expresar o valor da feminidade e o seu poder a través da madeira, a terracota ou o bronce. Esta é a premisa da nova exposición da artista catalá Ana María Marín que o Museo Provincial de Lugo abriu ao público este xoves. A mostra Da Forma ao Concepto: unha procura que conduce do Realismo á Abstracción está formada por un total de 15 pezas nos tres materais a través das que se expresa o valor da feminidade e o seu poder. A deputada de Cultura Iria Castro, acompañada da artista, da xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, da directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro, e do director da Once en Lugo Francisco Farnes Caminero visitaron as obras.
Castro afirmou que supón unha “mostra máis do traballo que a Rede Museística realiza para promover o acceso á cultura. Trátase dun traballo que se pode tocar e ver dun xeito diferente, algo que sorprende pero que demostra que a arte pode e debe estar ao acceso de todas as persoas”. Pola súa banda, a artista valorou o traballo que realiza esta área da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e animou a que a xente se achegue e aprenda a tocar a arte coas mans porque “as persoas que podemos ver non sabemos apreciar as cousas co tacto e isto permítenos ver os obxectos, e neste caso a arte, dun xeito moi diferente: a través da temperatura ou a textura”.
As obras divídense en tres grupos, estando o primeiro adicado a EVA. A feminidade simbólica. O segundo ámbito está adicado a VENUS. A deusa representada e o peche faino a serie MATER ÁGORA. O espazo que mostra camiños de paz. Ademais, cada peza conta coa información necesaria en braille para as persoas con discapacidade visual.
Percorridos accesibles con códigos NaviLens
A mostra forma parte do Programa de accesibilidade, inclusión, igualdade e sustentabilidade da Rede Museística, que dará un novo pulo ao traballo a prol da inclusión e da accesibilidade que se ven desenvolvendo nos museos. No marco dese programa, nas vindeiras semanas poranse en marcha nos catro museos provinciais percorridos artísticos con códigos NaviLens, que poden ser detectados polas cámaras de dispositivos móbiles e que unha aplicación específica converte en información oral.
Instalaranse un total de 100 códigos Navilens listos para ler, con información de interese das diferentes instancias o que permitirá que unha persoa con cegueira ou baixa visión poida percorrer os museos unicamente coa axuda do seu móbil. Ademais permitirá que os usuarios xerais sexan guiados dentro dun gran espazo, dun xeito moi práctico e sinxelo. Tamén recibirán información de interese sobre a sala ou estancia en 36 idiomas diferentes.