A festa da Carballeira de Fingoi xerou 5 toneladas de residuos que foron recollidas en 4 horas

LugoXa
O alcalde, Miguel Fernández, destacou o traballo do equipo de limpeza municipal, agradecendo a súa “actuación impecable, rápida e respectuosa co entorno”
limpeza-concello-de-Lugo-festa-da-Carballeira
10 Apr 2025

O operativo especial de limpeza despregado polo Concello de Lugo tras a festa celebrada na Carballeira de Fingoi recolleu un total de 5.020 quilogramos de residuos e logrou restablecer a normalidade na zona en tan só catro horas.

O dispositivo, activado pola área de Transición Ecolóxica e xestionado polo equipo de Luce Lugo, comezou ás 07:00 horas da mañá deste xoves e finalizou ás 11:00 horas.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou o traballo do equipo de limpeza municipal, agradecendo a súa “actuación impecable, rápida e respectuosa co entorno”, o que permitiu devolver a normalidade a esta emblemática zona verde da cidade sen apenas afectar aos veciños. Fernández tamén fixo un chamamento ao civismo, apelando á responsabilidade de todos para que a celebración poida convivir co respecto ao entorno e á veciñanza.

En canto aos residuos recollidos, mantívose unha cantidade semellante á de 2023, cun aumento moderado na fracción resto e un incremento nos envases e vidro. En total, recolléronse 1.480 kg de residuos procedentes das máquinas de limpeza viaria, 1.200 kg de fracción resto, 1.580 kg de envases lixeiros e 760 kg de vidro. Estes datos reflicten unha estabilidade nos residuos xerados en comparación coa edición anterior, cando se rexistraron 5.040 kg.

A recollida realizouse de forma selectiva, o que permitiu clasificar os residuos en distintas fraccións. O dispositivo, planificado ao detalle, contou con máis de vinte profesionais e unha decena de vehículos e maquinaria especializada, entre eles cisternas de baldeo mixto, varredoras eléctricas e de GNC, unha hidro limpadora de alta presión e vehículos eléctricos para a limpeza de zonas sensibles.

Ademais, como medida preventiva, o Concello retirou as papeleiras da zona e colocou contedores de 800 litros para facilitar a separación dos residuos. Tamén se realizou unha limpeza previa do campo e o seu entorno para preparar o espazo ante a celebración.

Miguel Fernández lembrou que, aínda que a festa forma parte do calendario estudiantil da cidade, é fundamental que haxa unha responsabilidade compartida. “A convivencia entre lecer e respecto é posible se todas as partes colaboramos”, concluíu o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.16835308074951