A Festa da Xuventude no Camiño celebra a súa décimo sétima edición en Palas de Rei

A xa consolidada Festa da Xuventude no Camiño celebrará este venres, 4 de xullo, a súa décimo sétima edición en Palas de Rei cun programa que combina música, diversión e actividades para todas as idades.
A cita, organizada pola Asociación Xuventude de Palas coa colaboración do Concello de Palas de Rei, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e varias empresas locais, foi presentada nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o alcalde Pablo Taboada, membros da corporación municipal e representantes da entidade organizadora.
O evento, que cada ano reúne a centos de persoas, dará comezo ás 16:00 horas cun obradoiro infantil na praza do Concello, impartido polo Centro Pedagóxico Aloumiño. Ás 18:00 horas terá lugar unha animada ruta de bares na que participarán preto de vinte establecementos hostaleiros, acompañada pola música da charanga Era Visto.
Xa pola noite, a festa continuará a partir das 23:45 horas coa actuación da coñecida orquestra Panorama, seguida dunha sesión do DJ Casanova, que porá o broche final á xornada festiva.
A organización confirmou a venda duns 590 camisetas ata o momento, un dato que reflicte o apoio popular ao evento e contribúe tamén a sufragar parte dos gastos da celebración.