A final da Champios, en pantalla xigante na capital
A Asociación de comerciantes e hostaleiros Lugo Monumental organiza para este sábado, a instalación dunha pantalla xigante na praza de Santa María da capital para que os lucenses poidan ver a final da Champions entre o Real Madrid e o Liverpool. O partido emitirase a partir das 21.00 horas.
Esta pantalla, e o feito de que o partido se retransmitirá en aberto a través da televisión pública, unido á que a previsión meteorolóxica é positiva para o sábado, fai que o colectivo prevea unha alta afluencia de público.
Con todo, agardan que esta acción axude a que o público inunde o casco histórico para desfrutar do fútbol.
Dende a asociación destacan a xenerosidade dos 50 locais que aportaron a súa colaboración para facer posible que os lucenses gocen desta gran pantalla de 6 metros de largo por 3,5 metros de ancho.
Estará situada nun lugar privilexiado, como é a Praza de Santa María, sobre todo, tendo en conta “que a maioría dos comercios que colaboran con esta acción, non terán un beneficio directo nesta actividade”, explica o colectivo. “É unha mostra máis da solidariedade entre os compañeiros da zona e o seu compromiso cos lucenses”.
Lugo Monumental quere tamén facer un agradecemento expreso á Tenencia de Alcaldía de Lugo e a todo o servizo e técnicos no negociado da Policía Local “por un excelente e rápido traballo, que permitiu xestionar as autorizacións para poder instalar a pantalla”.