A final da Eurocopa poderase ver nunha pantalla xigante en Lugo
A final da Eurocopa poderase ver nunha pantalla xigante instalada por Lugo Monumental na praza de Santa María. A Asociación Lugo Monumental xa pediu hai varios días os permisos oportunos por se España chegaba á final da Eurocopa, como así foi.
Desde Lugo Monumental queren destacar a xenerosidade dos locais patrocinadores, xa que o día e hora do partido aseguran que practicamente todos os negocios, incluso os de hostalería, están pechados, polo que non hai un interese económico. Trátase simplemente dunha cuestión de relevancia e de situar o centro histórico como un foco de actividades e un polo de atracción.
Desde a asociación quérese destacar o desinteresado da achega dos 43 locais, xa que a inmensa maioría estarán pechados durante o evento ao ser un domingo ás 21:00 horas, "o que demostra unha vez máis que as empresas locais non só se preocupan da súa conta de resultados, senón de axudar a que a cidade teña máis actividades aínda que non haxa unha repercusión directa nas súas facturacións", explica.
En canto á relevancia da convocatoria, hai que destacar que varios locais de hostalería comunicaron á Asociación que abrirán para dar servizo aos lucenses que se acheguen á Praza de Santa María e a súa contorna para gozar da final da Eurocopa 2024 en pantalla xigante, o que demostra as boas previsións de asistencia.