A folga da limpeza chega aos 80 días cunha denuncia de "esquirolaxe"

LugoXa
A CIG-Servizos de Lugo denuncia un caso de “esquirolaxe” co persoal do sector da limpeza que cumpre hoxe 80 días de folga indefinida para reclamar un convenio colectivo digno, tras ter coñecemento de que unha empresa externa limpou o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) para a celebración dunha entrega de premios da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo.
4 Xan 2024

Dende a central sindical explican que o pasado 15 de decembro unha compañía allea a Lacera Servicios y Mantenimiento, concesionaria do servizo de limpeza dos colexios públicos e das dependencias municipais do Concello de Lugo, realizou labores de acondicionamento das instalacións do MHIL, que ao día seguinte acolleron a entrega dos premios ´Son Muller’, da Asociación de Mulleres Empresarias.

“Non sabemos quen se encargou da contratación, pero aínda que fose a Asociación de Empresarias fíxose coa complicidade do Goberno local, algo inadmisíbel tendo en conta que supón un acto de esquirolaxe que vulnera o dereito de folga do persoal de limpeza”, sinala Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo.

Castiñeira lamenta que a celebración dun acto no que se premia a mulleres “supoña un ataque a outras mulleres dun sector que cumpre hoxe 80 días de folga indefinida para reclamar un convenio que dignifique as súas condicións laborais”, ao tempo que critica a actitude do Concello, “xa que logo á propia alcaldesa se lle enche a boca co feminismo e coa defensa dos dereitos das mulleres”, censura.

0.20034003257751