A Foliada de Bosende: “Somos moi bos amigos, levámonos moi ben e desfrutamos moito xuntos”
O colectivo lugués leva dende 2010 facendo música tradicional. Mercedes Corral a tesoureira da agrupación e achéganos a historia e aos próximos proxectos do grupo
—Como son os comezos deste grupo de música?
Dende o ano 2010 xa tiñamos un pequeno grupo de persoas da zona de Bosende que nos xuntabamos para tocar. Despois comezaron a vir amigos tamén de Lugo e agora na Foliada de Bosende temos xente de todas partes. No ano 2019, xusto antes da pandemia, decidimos constituírnos como asociación cultural para estar presentes e ter accesos a axudas e contratacións por parte das institucións. Agora mesmos somos 16 ou 17 persoas, houbo momentos que fomos máis pero sempre hai xente que chega e xente que marcha, pero o que é o núcleo do grupo seguimos sendo os mesmos.
—Cales son os instrumentos cos que contan dentro do grupo?
Actualmente temos gaita, bombo, tambor, pandeiretas, acordeón, guitarra e algunhas veces ukelele porque a parte do grupo tradicional unha parte do grupo imos a cantos de taberna e para cantar levamos a guitarra e o ukelele de acompañamento.
—Con que frecuencia se xunta para ensaiar?
Todas as semanas, os martes, dende as nove ata as dez e media da noite no local social de Bosende, o que era a antiga escola.
—Como é a selección e preparación do repertorio?
Nós temos un director, Fran Cupeiro, que tamén é director da escola de Música de Meira e el é o que nos dirixe e fai os arranxos das pezas que interpretamos.
—Que é o que máis se desfrutan dentro da Foliada de Bosende?
Nos ensaios pasámolo moi ben e desfrutámolos moito pero cando vamos por aí actuar sempre rematamos cunha cea ou unha comida e sempre se canta ao final. Somos todos moi bos amigos, iso é o principal deste grupo, levámonos todos moi ben e pasámolo ben xuntos.
—Teñen algunha necesidade como asociación?
A verdade é que non, contamos cun local social que está moi ben e á nosa disposición e despois sempre polas festas tanto do San Froilán, no Nadal ou no Entroido contan con nós para animar as rúas de Lugo. Tamén participamos no programa Musiqueando, da Deputación e cos ingresos destas actuacións podemos manter ben a asociación e funciona.
—Que proxectos de futuro teñen?
Pois o ano pasado fixemos o Festival do Rato no Lugar de Reque, que foi a primeira edición, para apoiar a paralización da Rolda Leste e non destruír a contorna do Rato. Estabamos valorando establecelo como unha cita anual e ese é un dos proxectos que temos agora, intentar que iso se consolide e poder facer este ano a segunda edición cara a primavera e que sirva de forza para paralizar este proxecto.