A Fonsagrada acolle a rodaxe da longametraxe 'As Neves'

LugoXa
O municipio da Fonsagrada acolle estes días a rodaxe da película As Neves, a primeira da viguesa Sonia Méndez
As neves portada
16 Dec 2022

O municipio da Fonsagrada acolle estes días a rodaxe da película As Neves, da viguesa Sonia Méndez, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

As Neves, de Cósmica Producións e coproducido con Aquí y Allí Films, é a primeira experiencia de Méndez como directora e guionista de longametraxe de ficción, se ben acredita  máis de vinte anos de traxectoria profesional no audiovisual, tanto na dirección como no guión, actuación e produción. Entre os recoñecementos acadados, conta cos Premios Mestre Mateo á mellor curtametraxe nos anos  2011 y 2012 por Las Damas Negras e Conversación con una mujer muerta.

O departamento de Industrias Culturais da Xunta financia con 260.000 euros a realización desta longametraxe, á que xa destinara 18.200 euros no ano 2019, ao abeiro da liña de achegas para o desenvolvemento deste tipo de proxectos; nese caso, serviu para sentar as bases da produción, traballando no guión, na  busca de emprazamentos e na estratexia de financiamento.

A película é un drama psicolóxico sobre un grupo de adolescentes que viven nunha contorna illada e natural pero tamén en continuo contacto co mundo global a través das novas tecnoloxías e internet, e cuxa vida vese sobresaltada pola desaparición duna compañeira.

O equipo está composto por máis de 60 persoas e está previsto que a rodaxe se estenda ata o 14 de xaneiro, se ben será preciso agardar a que haxa neve para tomar algunhas escenas. En xeral os exteriores e infraestruturas, como o cuartel da Garda  Civil, as pistas de baloncesto ou o centro social, corresponden á Fonsagrada, pero tamén hai localizacións na Pobra de Burón -a vinte minutos do casco urbano-, A Pontenova, e Santiago de Compostela.

Tanto o delegado territorial como o director da Agadic déronlle os parabéns aos responsables do proxecto pola posta en marcha dunha nova rodaxe na nosa Comunidade que proxectará a imaxe de Galicia, contribuirá á difusión da nosa lingua propia e continuará a fomentar a actividade do sector audiovisual galego, así como os seus efectos positivos na dinamización económica sobre o territorio.

As convocatorias de subvencións da Xunta para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego teñen un efecto multiplicador do investimento público, xa que ademais de dinamizar a contratación de servizos e profesionais vinculados directamente á produción audiovisual, producen un considerable impacto económico e de proxección exterior para as contornas que acollen as súas rodaxes.

As neves
0.12776017189026