A Fonsagrada acolle o I Congreso de Turismo de Embalses de España, un foro pioneiro

LugoXa
Durante dúas xornadas expertos, institucións e empresas analizarán o papel dos encoros como espazos sostibles, innovadores e competitivos
I-Congreso-de-Turismo-de-Emblases-de-España-A-Fonsagrada
19 Sep 2025

A Fonsagrada converteuse esta semana na sede do I Congreso de Turismo de Embalses de España, un encontro pioneiro que reúne a unha vintena de expertos, institucións, empresas e entidades sociais para abordar o papel dos encoros como recurso turístico sostible, innovador e competitivo. O foro, que conta con 40 persoas inscritas, celébrase hoxe e mañá no marco do proxecto Turembalses, impulsado polas Deputacións de Cáceres, Lugo e Badajoz, así como por FEMEMBALSES, a ADI Sierra Oeste de Madrid, a Mancomunidade Valle Norte do Lozoya e a Asociación Navarra Tierras de Iranzu.

Na inauguración, a deputada de Cultura Pilar García Porto destacou que esta iniciativa supón “unha aposta intelixente e lóxica, porque incorpora ao desenvolvemento turístico unhas infraestruturas con décadas de historia que, ata o de agora, non foran obxecto dunha reflexión sistemática para aproveitar o seu potencial”. Engadiu que o congreso permitirá compartir coñecementos entre distintos axentes coa finalidade de mellorar a gobernanza, a dixitalización e a calidade da oferta turística vinculada ás augas interiores.

García Porto puxo en valor o papel da provincia de Lugo, onde a presenza da auga xa deu lugar a propostas consolidadas como as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra, que superan os 61.000 visitantes anuais. Nese sentido, subliñou que os encoros tamén ofrecen posibilidades para combinar natureza, deporte, cultura e gastronomía, con actividades que van desde o sendeirismo e a BTT ata o enoturismo, os deportes fluviais ou experiencias en globo aerostático.

A deputada provincial referiuse igualmente ao Canón do Navia, que percorre concellos como A Fonsagrada, Navia de Suarna ou Negueira de Muñiz, todos eles integrados en Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO. “Trátase dun territorio auténtico, cheo de recursos naturais e culturais, cun gran potencial para un turismo sostible que xere riqueza no rural e axude a fixar poboación”, afirmou.

O programa do congreso inclúe mesas de debate sobre a potencialidade do turismo de encoros, a gobernanza e a xestión sostible destas infraestruturas, a dixitalización e a calidade da oferta, así como oportunidades de negocio, cooperación territorial e retos de futuro. García Porto concluíu que o turismo vencellado ás augas interiores debe contribuír á conservación ambiental e á cohesión territorial: “Queremos un modelo turístico que respecte a diversidade e ao mesmo tempo a dea a coñecer, e estamos convencidos de que a aposta por Turembalses é un paso decidido neste camiño”.

⚙ Configurar cookies
0.1106059551239