A Fonsagrada acollerá a XI Ruta dos Lobos con preto de 300 ciclistas de montaña

A Fonsagrada converterase este sábado, 27 de setembro, no escenario da XI Ruta dos Lobos, unha cita cicloturista que reunirá arredor de 300 participantes chegados de Galicia e doutras comunidades como Madrid, País Vasco ou Asturias.
A Deputación de Lugo colabora coa promoción e difusión deste evento que, segundo destacou o deputado Pablo Rivera Capón, “é todo un referente para a provincia, pois combina deporte, natureza, convivencia e promoción do territorio”.
Rivera subliñou que a carreira ofrece unha oportunidade para redescubrir o rural e poñer en valor a súa beleza, ao tempo que puxo de relevo o papel da organización e do voluntariado, “que fan posible que esta cita medre ano a ano e que contribúen ao desenvolvemento económico e social da comarca”. O responsable provincial incidiu en que cada participante ou acompañante dinamiza o municipio a través do consumo en negocios locais, aloxamentos e restauración, o que supón “un impulso real para a economía”.
Tamén destacou que actividades coma esta proxectan a imaxe da Fonsagrada máis alá das súas fronteiras, “amosando que somos un territorio dinámico, con iniciativas atractivas e cunha gran calidade de vida”. Rematou reiterando o compromiso da Deputación para que a Ruta dos Lobos siga sendo “un exemplo de como deporte e turismo poden ir da man co desenvolvemento do rural, o respecto á natureza e o orgullo pola identidade”.
Pola súa parte, Carlos López López agradeceu o apoio da Deputación, que fixo posible a celebración de once edicións consecutivas, e salientou que a proba serve tamén para dar a coñecer a paisaxe e a gastronomía da zona. Avanzou ademais que este ano participarán 50 persoas voluntarias.
A ruta partirá ás 11:00 horas da Praza do Concello e finalizará no mesmo punto. Haberá dous percorridos en función da dificultade: un de 45 quilómetros con 1.750 metros de desnivel positivo e outro de 35 quilómetros con 1.500 metros de desnivel. O trazado discorrerá polas ribeiras do río Porteliño e o Lamas, pasando por lugares emblemáticos da montaña lucense como a Seimeira de Vilagocende e aldeas como Naraxa, Silvela, Aldomán, Pereira ou Paradanova. Están previstos dous puntos de avituallamento con produtos típicos da Fonsagrada.
As inscricións permanecerán abertas ata o luns 22 de setembro a través da páxina web ccnorte.com. Ao remate, as persoas que o desexen poderán participar na tradicional cea con produtos da montaña.