A Fonsagrada acollerá o I Congreso de Turismo de Encoros de España os días 18 e 19 de setembro

LugoXa
A Deputación de Lugo organiza unhas xornadas gratuítas que analizarán o potencial turístico das augas de interior no marco do proxecto Turembalses
Cartel-Turembalses-congreso
9 Sep 2025

A Deputación de Lugo abriu o prazo de inscrición para participar no I Congreso de Turismo de Encoros de España, que se celebrará os días 18 e 19 de setembro no Salón de Actos dos Chaos da Fonsagrada.

Trátase de dúas xornadas de asistencia gratuíta dirixidas a profesionais, entidades e administracións interesadas en explorar o aproveitamento das augas de interior como motor turístico e de desenvolvemento rural.

As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 12 de setembro a través do formulario habilitado en liña. O encontro abordará cuestións como a potencialidade do turismo de encoros, a gobernanza e xestión sostible, a dixitalización e calidade da oferta, así como as oportunidades de negocio e cooperación entre territorios.

A secretaría técnica está dispoñible para resolver dúbidas mediante o correo electrónico turembalses@sityconsultores.com ou nos teléfonos 661 920 098 e 699 886 696.

O proxecto Turembalses é unha iniciativa colaborativa impulsada polas deputacións de Lugo, Cáceres e Badajoz, así como por Femembalses, ADI Sierra Oeste de Madrid, a mancomunidade Valle Norte de Lozoya e a asociación Navarra Tierras de Iranzu. O seu obxectivo é potenciar os encoros e as augas continentais como destinos turísticos sostibles, innovadores e capaces de dinamizar o rural.

Dentro deste marco, a Deputación de Lugo xa organizou este verán o programa Encoro Aventura, con actividades como deportes acuáticos, BTT, sendeirismo científico e literario, astronomía, música ou enoturismo, nas que participaron 140 persoas, consolidando o éxito desta estratexia de promoción.

⚙ Configurar cookies
0.1417121887207