A Fonsagrada acollerá un curso gratuíto sobre o uso básico do teléfono móbil

A Deputación de Lugo, a través do programa “E para dixitalizarse Lugo”, impulsa na Fonsagrada unha acción formativa dirixida a capacitar á poboación do rural en habilidades tecnolóxicas básicas. Trátase do curso “O teléfono móbil, primeiros pasos”, que se celebrará entre o 6 e o 17 de outubro na Casa da Cultura, en horario de 17:00 a 19:00 horas.
O curso, cun total de 20 horas de duración e carácter gratuíto, está pensado para facilitar o manexo dos teléfonos intelixentes, introducindo aos participantes no uso de aplicacións como WhatsApp, videochamadas, correo electrónico, envío de fotografías e vídeos, así como na realización de chamadas de emerxencia.
Con esta iniciativa, a Deputación busca achegar as novas tecnoloxías á veciñanza da provincia, reducindo a fenda dixital e facilitando que as persoas do ámbito rural poidan beneficiarse das ferramentas dixitais no seu día a día.