A Fonsagrada celebrará a XXVII Feira do Butelo o 3 e 4 de febreiro
A Feira do Butelo da Fonsagrada xa ten data para este 2024, e segundo a organización celebrarase os días 3 e 4 de febreiro. Esta é unha das citas gastronómicas máis asentadas na comarca.
Esta festividade é unha feira que se celebra unha vez ao ano, habitualmente, a fin de semana anterior ao fin de semana do Entroido.
Ademais está aberto o prazo de recepción de solicitudes para optar a un posto na Feira do Butelo 2024. O prazo remata o 25 de xaneiro. As solicitudes realizaranse exclusivamente a través do formulario da web do Concello de A Fonsagrada.
A primeira edición desta feira foi no ano 1998, na actualidade está consolidada e goza de gran arraigamento tanto entre os veciños do Municipio como entre os numerosos visitantes. Moitos son os que se achegan á Fonsagrada no fin de semana da feira co obxecto de degustar ou comprar este cobizado embutido e demais produtos da matanza, así como outros produtos gastronómicos da zona.
Desde a súa orixe a Feira do Butelo consolidouse como un referente no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo ao Entroido, podendo os visitantes aproveitar para adquirir produtos típicos para estas datas.
BUTELO
É un embutido típico, propio e peculiar da zona da Fonsagrada que ten a súa orixe na necesidade de conservar a carne de porco despois da matanza. Elabórase a base de costela de porco e outras partes, adobándoas e embutíndoas no estómago ou na tripa grosa de porco, curado e afumado con leña de carballo.