A Fonsagrada convoca o proceso para cubrir 11 empregos temporais
O Concello da Fonsagrada presenta as bases para cubrir, con carácter temporal, ata 11 postos de traballo.
Así, o Goberno local busca a 2 tractoristas, 5 albaneis, 1 palista, 1 soldador e 2 peóns de limpeza viaria, esta última a media xornada. Esta contratación pública faráa ao abeiro do Programa de Fomento do Emprego incluído no Plan Único da Deputación Provincial de Lugo.
Cada contratación terá unha duración de 6 meses pero a bolsa permanecerá aberta ata outubro de 2023. O sistema de acceso será oposición libre.
Segundo informa o Goberno local os interesados en participar neste proceso deberán dirixir as súas solicitudes ao Rexistro Xeral Electrónico do Concello. O prazo de presentación será de 7 días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Rematado o prazo de presentación de instancias a Alcaldía ditará resolución na que se aprobe a lista provisional das persoas admitidas e, se é o caso, excluídas, dita resolución publicarase na Sede Electrónica da Corporación, así como no Taboleiro de anuncios do Concello. En caso de que existan exclusións, a Corporación concederá un prazo de 5 días hábiles para que se poidan formular reclamacións ou emendar os defectos que motiven a exclusión.