A Fonsagrada entrega o Butelo de Ouro a Álvaro Touza e Antonio López

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, fixeron entrega do Butelo de Ouro a dúas persoas “clave” para a democratización do ensino na Fonsagrada". Así valorou o mandatario provincial a distinción a Álvaro Touza, o primeiro director do instituto fonsagradino e Antonio López, o rexedor que logrou a súa apertura e o primeiro alcalde da democracia deste concello da Montaña.
“As sociedades avanzan grazas á liberdade, pero esta non se pode comprender nin defender de maneira axeitada sen a educación”, sinalou Tomé Roca, quen engadiu que “son os bos mestres os que forman bos cidadáns capaces de discernir e elixir aos bos políticos”. Agradeceu nese sentido a “contribución impagable” de Touza e López ao proceso de modernización e construción dunha Fonsagrada “máis formada, máis responsable e con capacidade para deseñar o seu futuro”.
Destacou tamén o presidente “o bo traballo dos gandeiros, dos produtores de Butelo e do Concello” polo impulso desta festa, por conservar o que pagaba a pena, e citou a calidade, a ligazón co territorio e a aposta pola mellora “constante” dos produtos gandeiros e gastronómicos.
A XXVIII edición da Feira do Butelo, á que a Deputación achegou 30.000€, termina este domingo coa participación de 70 postos de venta de alimentación e artesanía que esperaban acadar un volume de vendas de produto cárnico de 20.000 quilos.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou tamén na Feira do Butelo da Fonsagrada, onde salientou o papel deste evento como dinamizador do sector cárnico galego e a súa contribución á hora de xerar emprego no rural.
Ademais, o director da Axencia destacou a gran calidade dos produtos agroalimentarios galegos, neste caso o butelo, un produto tradicional da gastronomía galega. Este ano, a Feira do Butelo da Fonsagrada reúne a máis de 60 expositores nos que ademais de produtos cárnicos, tamén se poden atopar outros como queixos, meles ou doces, entre outros.
A deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil participou neste evento xunto coa concelleira do BNG en Fonsagrada, Rosa Rego, a responsable local do BNG, María Fernández, a deputada de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro, e diferentes cargos orgánicos.
"Esta senlleira feira é unha boa mostra do potencial que posúe a Montaña de Lugo, no que a sinerxía entre a produción gandeira, a industria de transformación e a potencialidade do comercio local amosan as múltiples capacidades que existen no rural", dixo.
Olalla Rodil destacou “A Fonsagrada é unha grande potencia, a proba é esta feira con múltiples produtos locais de gran calidade e o gran número de produtores” e engadiu “mais é preciso impulsar proxectos que dean un xiro á situación actual da Montaña, na que se promovan alternativas para reverter o declive actual deste zona de Lugo, propostas que loiten o abandono e a despoboación para garantir o dereito a poder vivir e traballar aquí” polo que engadiu “é un recurso de alto valor que desestacionaliza o turismo cunha oferta gastronómica que reforza a actividade nas industrias cárnicas da zona”.