A Fonsagrada mobilízase contra o parque eólico 'Muracais' cun acto informativo

A Fonsagrada converterase o próximo sábado, 19 de xullo, no epicentro da oposición ao parque eólico 'Muracais' cun acto informativo no salón de actos do municipio que dará comezo ás 19:30 horas.
Nesta xornada, organizada coa colaboración do Concello da Fonsagrada e da asociación ecoloxista ADEGA, informarase á cidadanía sobre o alcance do proxecto, recolleranse sinaturas e alegacións e proxectarase o documental 'Vidas irrenovables', que expón as consecuencias sociais e ambientais deste tipo de instalacións.
Segundo recollen os convocantes, o parque eólico afectará a distintos núcleos do concello, como A Pobra de Burón, Carracedo, Xestoso de Riba, A Fonsagrada, Xestoso de Baixo, Lidín, Candaiado, Queixoiro, Troncada, Barbeitos, Silvela e Vilarmeán, mentres que a liña de alta tensión asociada impactará sobre lugares como O Piñeiro, Vilardongo, Pedrafitelas, Pedrouzos, Cerredo, Chaín e Paradavella.
As alegacións ao estudo de impacto ambiental poden presentarse ata o 1 de agosto, segundo consta no Boletín Oficial do Estado do 10 de xuño de 2025 e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 21 de xuño de 2025, e tamén se recollen no propio Concello.
Desde ADEGA insisten na importancia de participar para frear un proxecto que, din, supón unha ameaza para o territorio e o modo de vida da veciñanza.