A Fonsagrada prepárase para celebrar a Foliada con motivo do seu décimo aniversario

A Fonsagrada converterase un ano máis no epicentro da música tradicional galega coa celebración da X Foliada, unha edición moi especial marcada polo seu décimo aniversario.
O evento desenvolverase entre os días 5, 6 e 7 de decembro e estará centrado na lembranza das orixes, rendendo homenaxe aos antepasados, ás polavilas e a esa tradición viva que consolidou a identidade cultural da comarca.
A cita, que ao longo desta década se consolidou como un referente da cultura popular, quere ser tamén un punto de encontro para a amizade, a música e o espírito colectivo.
Nesta edición, a organización aposta por un programa cargado de actividade e intensidade, co obxectivo de celebrar por todo o alto a traxectoria e os logros compartidos durante estes dez anos de foliada.