A Fonsagrada prepárase para unha fin de semana multitudinaria coa Feira do Butelo

A Fonsagrada vive xa a conta atrás para unha nova edición da súa Feira do Butelo, unha das citas gastronómicas máis destacadas da montaña lucense, que esta fin de semana volverá converter a capital do concello nun punto de encontro para milleiros de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia. A feira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, confía en repetir ou mesmo superar as cifras da edición anterior, na que se venderon máis de 25.000 quilos deste embutido tradicional.
O butelo, produto estrela do evento, será de novo o gran reclamo dunha fin de semana na que gastronomía, tradición e ambiente festivo se darán a man, xerando un importante movemento económico tanto na hostalería como no comercio local. A feira consolidouse ao longo das súas vinte e nove edicións como un motor para a comarca e como un escaparate dun produto cun forte arraigo cultural e histórico.
Durante a presentación da feira no Pazo de San Marcos, destacouse o papel do butelo como elemento identitario da Fonsagrada e da provincia, así como o traballo dos artesáns que manteñen viva esta tradición durante máis de tres décadas. Subliñouse tamén que esta cita contribúe á dinamización do rural, á fixación de poboación e á proxección turística do concello, que se converte cada ano nun referente gastronómico, turístico e deportivo.
A feira conta cun apoio económico de 35.000 euros por parte da Deputación de Lugo, unha achega que, segundo indicou o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, resulta fundamental para facer posible o evento. O rexedor sinalou que durante os dous días de celebración a chegada masiva de visitantes supón unha importante inxección de recursos que axuda a compensar períodos de menor actividade económica.
O programa da XXIX Feira do Butelo arrincará o sábado ás 10:00 horas coa apertura da carpa na Praza do Concello, que permanecerá aberta ata as 20:00 horas. Ás 12:00 horas celebrarase a inauguración oficial, seguida dunha visita aos postos de alimentación e artesanía participantes.
O domingo, o recinto feiral volverá abrir ás 10:00 horas e ao mediodía acollerá unha actuación do grupo de música tradicional Illa Pancha. Ás 13:00 horas terá lugar a entrega do Butelo de Ouro no Salón de Plenos da Casa Consistorial, e a continuación a Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros animará unha xornada festiva que se prolongará ata as 20:00 horas.