A Fonsagrada recibe 82.280 euros para mellorar o sistema de abastecemento e saneamento
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 82.280 euros en concepto de axudas para a execución de melloras no sistema de abastecemento e saneamento do concello da Fonsagrada.
A Xunta concedeu unha axuda por importe de 43.558 euros, o 90% do orzamento, para a substitución da tubaxe de abastecemento nun tramo de 600 metros que discorre paralelo á estrada autonómica LU-740 e que aproximadamente no punto quilométrico 1,400 empata cun treito xa renovado. Os traballos, xa rematados, consistiron na retirada das seccións de tubos de fibrocemento existentes e a instalación doutras de polietileno para garantir o servizo e a calidade do subministro.
Igualmente, a Consellería concedeu outra achega por importe de 38.700 euros, o 80% do orzamento, para a construción dun tanque de tormentas de 288 m3 de capacidade, en formigón armado, á entrada da depuradora da zona norte do núcleo urbano da Fonsagrada, nunha parcela do polígono de titularidade municipal.
Este tipo de melloras axudan a garantir o mellor funcionamento de dotacións básicas que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios rurais. As achegas contan coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.