A Fonsagrada reunirá este sábado máis de 800 deportistas no IV Trail Terras de Burón

A Fonsagrada acollerá este sábado 31 de xaneiro a celebración do IV Trail Terras de Burón, un evento deportivo de montaña que reunirá a máis de 800 participantes e que conta co apoio da Deputación de Lugo. A competición consolídase así como unha das citas de referencia do trail en Galicia, cunha participación que superou todas as previsións.
Nesta edición, o Trail Terras de Burón contará con catro probas diferentes. O programa inclúe unha andaina de 16 quilómetros con 800 metros de desnivel positivo, o Trailiño de 18 quilómetros e 1.000 metros de desnivel positivo, e o Trail das Seimeiras, cun percorrido de 30 quilómetros e 1.650 metros de desnivel positivo. Como principal novidade, estrea a proba Ultra Terras de Burón, cun trazado de 58 quilómetros e 3.000 metros de desnivel positivo.
Precisamente esta última modalidade foi a primeira en esgotar as inscricións, mentres que o resto de prazas se cubriron antes do Nadal, un feito que pon de manifesto a excelente acollida do evento entre deportistas e afeccionados ao trail. A día de hoxe, o período de inscricións permanece pechado.
Ao igual que en edicións anteriores, a organización habilitará diferentes servizos para facilitar a participación, como zonas de avituallamento con produtos típicos da Fonsagrada, gardarroupas, servizo de gardería e unha área de inchables para nenos e nenas, entre outras prestacións.
O deputado Pablo Rivera Capón destacou o esforzo “deste club conformado por xente moza e cunha ampla representación feminina” á hora de organizar a proba, así como a colaboración estreita que mantén a institución provincial coa entidade deportiva, á que achega 5.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades. Rivera subliñou ademais que o Trail Terras de Burón é xa un referente a nivel galego e estatal e remarcou que “non só é un importante reclamo deportivo, senón que tamén ten unha notable repercusión turística, xa que contribúe á dinamización económica e á proxección da comarca e da provincia de Lugo”.
Pola súa banda, Carlos López López puxo en valor a ampla programación de actividades culturais e deportivas que se desenvolven na Fonsagrada, “con gran participación de persoas procedentes tanto de Galicia como de fóra da comunidade”. Tamén salientou a colaboración da veciñanza e dos establecementos hostaleiros e hoteleiros en citas deste tipo.