A Fonsagrada segue sen orzamentos, cos votos en contra de PP e BNG
A Fonsagrada segue sen orzamentos, despois de que o pleno rexeitase esta mañá a proposta realizada polo grupo de goberno, o PSOE, cos votos en contra dos cinco concelleiros do PP e maila concelleira do BNG. Os socialistas, con cinco representantes e sen maioría absoluta, non puideron sacar adiante uns orzamentos que roldan os 3,2 millóns de euros.
Dase a circunstancia de que o BNG votou a favor da investidura do socialista Carlos López tralas eleccións municipais do ano 2019 pero, agora, non está dacordo con que o goberno local, carecendo da maioría absoluta, elixise en solitario as obras a realizar no marco do Plan Único.
Os populares, pola súa banda, consideran que os orzamentos presentados non se adaptan á situación sanitaria actual. "Non se contempla ningún tipo de axudas para o comercio, para os autónomos, para os gandeiros... nin tampouco ningunha bonificación fiscal como están a facer noutros concellos", explican.
O rexedor fonsagradino lamenta que o rexeitamento dos orzamentos municipais fará necesaria unha modificación de crédito "para ampliar a partida destinada ao SAF" e impedirá conceder subvencións a asociacións deportivas e culturais, entre outras cuestións.
O Concello da Fonsagrada xa non tivo presuposto o ano pasado, senón que prorrogou os do ano 2019.