A fonte de San Vicente de Lugo volverá a manar viño
Este sábado San Vicente obrará unha vez máis o seu “Milagre”. Lugo Monumental axudará un ano máis á fonte barroca da Praza do Campo a facer manar viño. Normalmente esta festa é o día 29 de xullo, Santa Marta, patroa da Hostalería, pero este ano, ao coincidir en luns, votouse cambialo de día. A cita conta co patrocinio de Viliga (Viños e Licores de Galicia), polo que o público recibirá gratuitamente o viño, ademais da colaboración do Concello de Lugo polo que haberá animación na rúa e pasacalles.
Por outra banda, entregaranse os premios de Lugo Monumental recoñecendo toda unha vida na hostalería ao Restaurante España, e a un comercio singular para a Sombrerería da Costa. Rubén Arroxo, Elena Candia e Jorge Bustos, en representación dos tres grupos que forman a Corporación Municipal, confirmaron a súa asistencia e colaborarán na repartición dos vasos de viño entre os asistentes.
O mecanismo empregado para facer o “Milagre” é relativamente sinxelo e conta con tres grandes bidóns en que se deposita o viño, que a través de tubos alimentarios sae polos tres caños da fonte barroca de San Vicente. Lembran que o viño non toca a fonte en ningún momento o que repercute tanto nun uso garantista do monumento, como na perfecta hixiene do evento.