A Fundación Breogán impulsa proxectos sociais para promover o baloncesto inclusivo en Lugo

LugoXa
A Deputación de Lugo apoia as iniciativas que fomentan a participación, a igualdade e a integración a través do deporte
Proxecto-Persoas-Breogán
7 Oct 2025

A Fundación Breogán vén de poñer en marcha diversos proxectos sociais co obxectivo de fomentar o baloncesto entre diferentes colectivos e impulsar a inclusión a través do deporte. Estas iniciativas contan co apoio da Deputación de Lugo e reflicten o compromiso da entidade por construír unha sociedade máis igualitaria e participativa.

Entre os programas destacados figura a cuarta edición do Proxecto Persoas, unha proposta social e inclusiva que dá resposta á necesidade de ofrecer actividades deportivas, neste caso de baloncesto, a nenos e nenas con capacidades diferentes que non dispoñen dunha alternativa similar. O obxectivo é favorecer a inclusión, o crecemento persoal e a participación mediante o deporte e as actividades comunitarias. Este programa é posible grazas ao convenio coa Área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e á colaboración de entidades como o Centro de Educación Especial Santa María, Raiolas Lugo, a USC, Afalu Alzheimer e Dano Cerebral Lugo.

Tamén continúa o Proxecto Ícaro, que inicia a súa segunda tempada tras unha primeira chea de aprendizaxes e boas experiencias. Esta iniciativa emprega o deporte como ferramenta de inclusión social para mozas e mozos en situación de vulnerabilidade. Cada semana, oproxecto convértese nun espazo de encontro e convivencia onde se fomentan hábitos saudables e valores como o respecto, a igualdade, a superación e o traballo en equipo. O propósito é reducir a brecha social e ofrecer novas oportunidades a rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos, promovendo a súa autonomía, autoestima e integración.

Outra das iniciativas que regresan é o Proxecto Cris Seijo – En prol das mulleres, co que a Fundación Breogán busca potenciar o baloncesto feminino e o empoderamento das mulleres lucenses. A través do equipo Seijo Team, composto por mulleres maiores de 35 anos, promóvese un espazo aberto a todas aquelas que desexen gozar do deporte, aprender e compartir nun ambiente de amizade e compañeirismo. Os adestramentos teñen lugar todos os martes ás 18:45 horas no CEIP Anexa de Lugo.

Ademais, este ano nace AROS, un proxecto que toma como símbolo o aro, entendido como círculo que une, envolve e cobra sentido cando se pecha entre todas as persoas. Tras unha fase piloto no mes de xuño, a iniciativa arrinca con forza e divídese en tres liñas fundamentais: AROS Vida, AROS Luz e AROS Futuro.

AROS Vida promove a inclusión, a participación e a diversidade, facendo do deporte unha linguaxe universal na que todas as persoas teñen cabida, independentemente das súas capacidades. En colaboración con Cogami Lugo, esta liña recorda que cada vida suma e merece ser compartida desde o movemento e a convivencia.

AROS Luz, pola súa banda, simboliza a claridade e a esperanza que nacen do acompañamento. En colaboración con Raiolas e coa Asociación de Dano Cerebral de Lugo, procura ofrecer apoio a persoas e familias que afrontan realidades complexas, creando espazos de recuperación, integración e benestar.

Finalmente, AROS Futuro céntrase nas persoas en etapa de desenvolvemento, acompañándoas no seu crecemento, formación e inclusión social. En colaboración con Down Lugo, aposta pola confianza no porvir, apoiando a quen ten todo por diante e o dereito a soñar, progresar e atopar no deporte unha vía para medrar tamén na vida.

⚙ Configurar cookies
0.10390615463257