A Fundación Breogán leva ás aulas de Lugo un novo programa educativo

LugoXa
O proxecto Boas Prácticas desenvolverase entre xaneiro e marzo en centros de Educación Primaria con sesións presenciais impartidas por profesionais especializados
Fundación-Breogán-en-colexios
12 Jan 2026

A Fundación Breogán impulsa en Lugo o proxecto educativo Boas Prácticas: xestión emocional e saúde global en Educación Física, unha iniciativa dirixida ao alumnado de Educación Primaria que utiliza o deporte como ferramenta para promover o benestar físico, mental e social desde unha perspectiva integral da saúde. A través das clases de Educación Física, o programa aborda cuestións como a intelixencia emocional, os hábitos de vida saudables, a igualdade, a saúde mental e a prevención de condutas insanas, combinando actividade física e aprendizaxe en valores.

O programa desenvolverase entre os meses de xaneiro e marzo en distintos centros educativos da cidade, con sesións presenciais e charlas impartidas por profesionais especializados en diferentes ámbitos da saúde e do deporte.

En concreto, o proxecto chega ás aulas dos CEIP Luis Pimentel e CEIP As Mercedes de Lugo, contando coa participación dun equipo multidisciplinar que achegará coñecemento, inspiración e referentes reais ao alumnado.

Entre as intervencións previstas atópanse contidos relacionados coa saúde bucodental da man de María Núñez, presidenta do Colexio de Odontólogos de Lugo, quen traballará a importancia do coidado dos dentes como parte da saúde xeral. O fisioterapeuta do CB Breogán, Adrián Callejo, centrará as sesións no manexo das lesións deportivas e na súa prevención, mentres que Laura Sas, máster en Alimentación na Actividade Física e o Deporte, abordará a nutrición saudable e a alimentación das e dos deportistas.

O director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, incidirá na relación entre a práctica deportiva e a saúde mental baixo a idea dun deporte san para unha mente sa. Pola súa banda, Leticia Fernández Villamarín, titulada en Educación Física e INEF, traballará co alumnado a importancia do movemento como ferramenta para aprender a coidarse. O programa complétase coa participación de Nicolás Martínez Adega, campión do mundo de paracanoe, que achegará a súa experiencia persoal para amosar como o deporte pode transformar vidas.

⚙ Configurar cookies
0.078940868377686