A Fundación Breogán será o padriño de honra do MotoXubileo 2026

A organización do MotoXubileo anunciou que a Fundación Breogán exercerá este ano como padriño de honra dun evento que consolida o seu carácter solidario na loita contra o cancro infantil. Como mostra deste apoio, a entidade doou unha camiseta oficial do CB Breogán asinada por toda a plantilla, unha peza única que será sorteada entre os asistentes durante o tradicional almorzo do MotoXubileo, previsto para o domingo 4 de xaneiro na explanada e no aparcadoiro do auditorio Gustavo Freire, en Lugo.
Para facer efectiva esta colaboración, varios membros do Moto Club Lóstregos-Lucus e da Asociación Somos desprazáronse ata o Pabillón Universitario, onde foron recibidos polo director da Fundación Breogán, encargado de entregar persoalmente a camiseta. Desde a organización adiantan que a participación do padriño non rematará aquí e que a Fundación ten preparadas novas sorpresas que se irán coñecendo nos próximos días.
O III MotoXubileo, que se celebra este 2026, mantén o seu espírito solidario en colaboración coa Asociación Somos Unidos polo Cancro. A concentración de motoristas comezará ás 10 horas baixo a carpa instalada no auditorio Gustavo Freire, onde os participantes serán recibidos pola asociación, que contará cun photocall, chocolate con churros, sorteos e a tradicional rifa solidaria con artigos doados por empresas e particulares da cidade. A iniciativa incluirá tamén un almorzo solidario antes do inicio da ruta.
A saída está prevista para as 11:30 horas pola antiga N6, nun traxecto que levará aos participantes ata o miradoiro da Torre de Doncos para facer unha parada antes de continuar cara ao destino final. Arredor das 12:45 horas prevese a chegada a O Cebreiro, onde os motoristas percorrerán a coñecida aldea da montaña de Lugo e aproveitarán para entrar en calor cun café. A ruta proseguirá pola montaña lucense ata Sarria, onde aqueles que o desexen poderán quedar a xantar arredor das 14:30 horas.
Desde 2024, o MotoXubileo celébrase cada primeiro domingo do ano, agás cando coincide co Día de Reis, caso no que se adianta ao sábado anterior. O obxectivo é dar a benvida ao novo ano motero e simbolizar o final das noites máis longas e o crecemento dos días, algo moi apreciado polos motoristas. Na edición pasada o padriño foi o campión mundial de MXGP, Jorge Prado. Este 2026, o terceiro ano consecutivo do evento, chega cargado de novidades e coa expectativa de que, dentro de 24 anos, quen participe agora poida presumir de ter estado na terceira edición dunha cita que aspira a cumprir medio século de vida.