A Fundación de Dano Cerebral recibirá 135.000 euros da Deputación de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
O obxectivo é para colaborar cos gastos de reforma e ampliación do centro de atención a persoas con dano cerebral que a entidade xestiona nun espazo cedido pola Deputación en Castro de Rei
granxa-gayoso-castro
28 Dec 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou darlle unha achega por 135.000 euros á Fundación de Dano Cerebral (FUDACE) para colaborar cos gastos de reforma e ampliación do centro de atención a persoas con dano cerebral que a entidade xestiona nun espazo cedido pola Deputación en Castro de Rei.

Concretamente, este investimento da institución provincial servirá para a reparación exterior dos dous edificios que forman o centro e da pasarela que os conecta, coa instalación dun revestimento que garanta a impermeabilización do edificio e a substitución das ventás; e tamén para dotar ao centro dunha sala para o descanso do persoal e de visitas para os residentes.

As obras desenvolveranse durante as anualidades 2025, 2026 e 2027 e o investimento necesario para acometelas ascende a 208.498,89 euros, dos que a Deputación achegará preto do 65 %.

O centro que FUDACE ten en Castro Riberas de Lea está situado na antiga Escola Fogar, no complexo que comprende tamén a Granxa Gayoso Castro, e foi cedido pola institución provincial a esta entidade no ano 2002 e ata o 2067. O centro conta con 28 prazas para persoas con dano cerebral de toda Galicia que son atendidas por 23 traballadores.

0.16019701957703