A Fundación Galiza Sempre presenta en Lugo o caderno 'O ferrocarril en Galiza'

LugoXa
A Fundación Galiza Sempre presenta o xoves 23 de novembro ás 20:15 no Vello Cárcere de Lugo o último caderno da súa colección Ideas Impresas.
o ferrocarril en galiza galicia sempre presentacion portada
22 Nov 2023

A Fundación Galiza Sempre presenta o xoves 23 de novembro ás 20:15 no Vello Cárcere de Lugo o último caderno da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está dedicado ás infraestruturas de Galiza en materia ferroviaria. Un informe técnico elaborado polos xeógrafos Mateo Varela, Miguel Pazos e Rubén Lois, ámbolos tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e membros do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial GI-1871).

Dunha banda estará Mateo Varela Conrado (1992), doutor en Xeografía pola Université de Toulouse Jean Jaurès coa tese Ferrocarril e territorio en Galiza: unha análise da gobernanza contemporánea (2022). Investigador asociado da USC.

Tamén está Miguel Pazos Otón (1972), profesor titular de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2014 é director do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas) da USC. É doutor pola USC coa tese Mobilidade da poboación na Galiza occidental: o eixo urbán atlántico galego (2002).

Completa a sesión Rubén Camilo Lois González (1961), catedrático de Análise Xeográfica Rexional na USC e director do departamento de Xeografía da mesma universidade. Tamén é coordinador do grupo de investigación ANTE e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. Foi tamén Director Xeral de Turismo no período 2005-2009 e doutorouse coa tese Aproximación a unha xeografía da mocidade. Estudos socioespaciais dos centros de España (1992)

O padroado da Fundación Galiza Sempre tomou a decisión de dedicar este oitavo volume da colección Ideas Impresas a analizar a fondo o sistema ferroviario galego. Faino a través dun completo estudo monográfico no que se recolle unha análise panorámica sobre a historia, a situación actual e as perspectivas de futuro da rede ferroviaria galega. Deste traballo é posíbel extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril no noso país e interesantes conclusións útiles para o debate, o contraste de ideas e propostas e, en definitiva, para contribuír á construción dunha alternativa seria, rigorosa e ambiciosa para dotar á nosa nación dunha rede ferroviaria á altura do que precisa e merece a Galiza do século XXI.

No acto intervirán Maite Ferreiro, concelleira de Cultura en Lugo e dous dos coautores da publicación, Mateo Varela e Rubén Lois. Na propia presentación, será repartido de forma gratuíta o caderno.

o ferrocarril en galiza galicia sempre presentacion
0.18186616897583