A Fundación Rof Codina conmemora as súas tres décadas de historia

LugoXa
Realizou un acto no que impuxo as súas primeiras insignias de honra, en homenaxe a José Luis Pereira Espinel e Luis F. de la Cruz Palomino
hospital-veterinario-universitario-rof-codina_img34832t0m0w1600h800
20 Sep 2024

A Fundación Rof Codina deu os seus primeiros pasos no ano 1994 coa vontade de que o estudantado da USC obtivese as ensinanzas prácticas necesarias no marco dos estudos veterinarios. Ao seu abeiro e tan só un ano máis tarde, botaba a andar o Hospital Veterinario, esencial dende entón para entender o grao en Veterinaria do Campus de Lugo. Tres décadas despois, a Fundación conmemora o seu 30 aniversario coa imposición das súas primeiras insignias de honra a dúas das figuras máis emblemáticas da súa historia: José Luis Pereira Espinel, quen ocupou o cargo de director veterinario do centro entre 1995 e o seu pasamento en 2006, e Luis F. de la Cruz Palomino, xerente do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina entre 1998 e 2022.

O reitor Antonio López, en calidade de presidente do padroado da Fundación Rof Codina, presidiu este venres 20, na Facultade de Veterinaria, o acto de imposición das insignias a Mª Dolores Plata, viúva de José Luis Pereira Espinel, profesor que tamén formou parte do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias do Campus de Lugo como docente nas materias de Medicina e cirurxía clínica, Traumatoloxía e ortopedia veterinaria e Oftalmoloxía veterinaria; e ao propio Luis F. de la Cruz Palomino, na actualidade profesor emérito ad honorem de Fisioloxía da USC. Acompañaron ao reitor no acto de entrega, Pilar Martínez García, secretaria do Padroado da Fundación Rof Codina; Paula Alvarellos Fondo
alcaldesa de Lugo; José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo; e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

O reitor lembrou que a Fundación Rof Codina é froito da suma de esforzos entre USC, Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Lugo, “entidades que ao longo destes trinta anos foron o soporte financeiro, e tamén o non financeiro, pois cómpre destacar a boa sintonía e colaboración que houbo sempre entre as persoas integrantes do padroado para conseguir que a Fundación alcanzase os obxectivos e fins para os que foi creada”, sinalou.

Nestes 30 anos de historia da Fundación foron moitos os fitos salientables. Xa nun primeiro momento se viu a necesidade de fomentar e regular as relacións entre a comunidade universitaria e este centro, motivo polo cal se asinou en 1997 o primeiro convenio de colaboración entre a USC e a Fundación. En 1998 comeza unha nova etapa na Facultade de Veterinaria e, por extensión, no hospital, co inicio do proceso para conseguir a homologación da European Association of Establishments for Veterinary (EAEVE). Este proceso finalizou positivamente no 2001, data na que se obtivo a homologación, “elemento básico para aumentar o prestixio do título e para atraer a un elevado número de estudantes de fóra de Galicia ao campus lucense”.

Con esta certificación empeza unha nova etapa no Hospital, marcada polo desenvolvemento dun maior número de especialidades veterinarias e por poder contar con maiores e mellores medios diagnósticos, como o TAC ou a electrorretinografía, así como pola aposta por prácticas como a cirurxía mínimo invasiva ou a radioterapia, que se fai en colaboración co Laboratorio de Radiofísica da Facultade de Física da Universidade. Nesta etapa é cando se poñen tamén a funcionar diferentes programas de residencias para que o estudantado recentemente titulado puidese optar a unha especialización.

Por último, na historia máis recente, o reitor quixo destacar tres acontecementos que están a marcar o presente e terán moito que ver no futuro da Fundación e tamén do Hospital, como son a creación do centro CEBIOVET, “que dota o Campus de Lugo dunha instalación singular; a adscrición da Fundación á USC, que considero básica para que a Fundación continúe a ser a institución que o Campus de Lugo precisa; e por último, a posta en marcha do programa VIR para a especialización e formación de Posgrao do estudantado que acaba de obter a titulación de Veterinaria, que sitúa á Fundación na vangarda da formación a nivel estatal”.

Programa

A sesión de entrega de insignias serviu de colofón a dúas xornadas centradas na actividade dos hospitais veterinarios e que comezou na tarde do xoves 19 coa mesa redonda ‘O futuro dos hospitais veterinarios universitarios’. O acto que tivo lugar na Casa do Saber contou coa participación do xerente da Fundación, Javier Ferreira; o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez; José Antonio Rodríguez-Altonaga, director veterinario do Hospital Veterinario de León; e José Luis Benedito Castellote, presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo. Xa na mañá do venres 20 e con anterioridade á imposición das insignias, tivo lugar a Asemblea da Asociación de Hospitais Veterinarios Universitarios e unha reunión extraordinaria do Padroado da Fundación Rof Codina.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17773389816284