A Fundación Rof Codina renova o convenio para a conservación do Can de Palleiro

LugoXa
O xerente da Rof Codina, Javier Ferreira, e o presidente do Club Raza Can de Palleiro, Juan Carlos Puente, renovan un acordo de colaboración para os próximos catro anos que visibiliza o compromiso a prol das razas autóctonas galegas.
fundacion rof codina can de palleiro
20 Out 2023

O xerente da Rof Codina, Javier Ferreira, e o presidente do Club Raza Can de Palleiro, Juan Carlos Puente, renovan un acordo de colaboración para os próximos catro anos que visibiliza o compromiso a prol das razas autóctonas galegas.

A Fundación Rof Codina colabora coa conservación e a reprodución da raza can de palleiro, a través da prestación de apoio técnico e asistencial, tal e como se puxo de manifesto este xoves no acto de sinatura da renovación do convenio co Club Raza Can de Palleiro, que é a organización autorizada e recoñecida pola Xunta de Galicia para tratar desta raza, ademais de para xestionar o Libro Xenealóxico da mesma.

O xerente da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira, e o presidente do club de Raza Can de Palleiro, Juan Carlos Puente, estenderon coa renovación deste acordo e por un período doutros catro anos a xa estreita colaboración que manteñen as dúas entidades desde 2019. A secretaria do Club Raza Can de Palleiro, Irene Puentes, o tesoureiro da entidade, José Manuel Vales, e o director veterinario do Hospital Universitario Veterinario Rof Codina, Antonio González Cantalapiedra, tamén asistiron ao acto de sinatura do convenio.

Ferreira e Puente salientaron a “vital importancia” deste convenio, dado que permite á Fundación Rof Codina traballar a prol da recuperación e consolidación das razas autóctonas galegas, ao tempo que ofrece o club un soporte científico-técnico para o desenvolvemento do seu labor de promoción e conservación da raza.

A Fundación Rof Codina, segundo se recolle no acordo, colabora co Club Raza Can de Palleiro na conservación e reprodución da mesma mediante a prestación de apoio técnico-asistencial, así como cun banco de seme de exemplares da raza. Ademais, os profesionais ligados á Rof Codina tamén realizan neste eido outras actividades científicas e investigadoras, estudos de comportamento da raza para buscar unha mellora xenética e unha crianza responsable, ademais de prestación de servizos asistencias aos exemplares da raza e formación para os/as socios/as do club.

O Club de Raza Can de Palleiro é a organización autorizada e recoñecida pola Xunta de Galicia para tratar da Raza Can de Palleiro e xestionar o seu Libro Xenealóxico. Trátase dunha entidade que nace como tal en 2002 e, na actualidade, este club conta con máis de 2.800 exemplares rexistrados.

0.098170042037964