A Fundación VAC-AN lanza 'Diálogos VAC-AN', un vídeopodcast sobre arte, sociedade e o Lugo do futuro

LugoXa
As conversas xirarán arredor de temas de interese xeral desde unha perspectiva social, artística e cultural, cun fío condutor común: “O Lugo do futuro"
videopodcast-fundacion-vac-an
14 Jun 2025

A Fundación VAC-AN, entidade que traballa pola conservación e divulgación do legado do artista lucense José Vázquez Cereijo, pon en marcha unha nova iniciativa cultural: 'Diálogos VAC-AN', un vídeopodcast quincenal que recupera o espírito das tertulias clásicas e que se gravará na sede da fundación, situada no barrio da Milagrosa en Lugo.

A primeira entrega publicouse este sábado e a seguinte a finais de mes, continuando así cunha periodicidade estable cada quince días.

O programa contará con tres ou catro participantes en cada edición e estará conducido por Melina López e Paco Nieto, coa realización técnica de Ezequiel Orol. As conversas xirarán arredor de temas de interese xeral desde unha perspectiva social, artística e cultural, cun fío condutor común: “O Lugo do futuro”.

Na súa primeira edición, o espazo estará centrado en dar a coñecer a propia Fundación VAC-AN, dedicada a preservar a obra pictórica, gráfica, a colección de arte e antigüidades, os arquivos e a biblioteca de Vázquez Cereijo. Participarán Anne Nikitik, presidenta da fundación, e María Astorgano, comisaria da mesma.

A partir de mediados de xuño, os episodios estarán dispoñibles quincenalmente no canal de YouTube da Fundación, na súa páxina web e en diversas redes sociais.

⚙ Configurar cookies
0.18975710868835