A Furgoteca remata nas Nogais o curso cun acto no colexio
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu ao acto de fin de curso da Furgoteca no colexio As Nogais de Lugo, onde destacou a boa acollida deste proxecto e o importante papel que desempeñan as bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia no impulso dunha cultura máis inclusiva e accesible.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou o compromiso do Goberno galego coa lectura e puxo en valor o impacto deste tipo de iniciativas no fomento deste hábito. Tal e como explicou, así se reflicte no estudo feito polo Goberno galego no que se recolle que o índice de lectura en Galicia atópase 1,4 puntos enriba da media estatal.
Nesta mesma liña, o director xeral de Cultura destacou que o proxecto da Furgoteca encádrase na liña de traballo posta en marcha pola Xunta de Galicia para favorecer “unha cultura inclusiva e accesible en todo o territorio”. Trátase dun obxectivo que vai en liña coa futura Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia ao chegar a aqueles concellos rurais nos que non existe servizo de bibliotecas dando así “resposta ás necesidades de todos os galegos para que vivan en igualdade de condicións”, indicou o director xeral de Cultura.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2023, o servizo das bibliotecas móbiles da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que a partir do vindeiro mes de setembro ampliarase cunha nova ruta, recibiu máis de 14.300 visitas que realizaron preto de 1.400 carnés de usuario. Ademais, facilitáronse case 15.000 préstamos e programáronse un total de 335 actividades de dinamización acadando unha participación de máis de 6.000 asistentes.