A Gala do Deporte da Milagrosa recoñecerá a máis de vinte deportistas e entidades de Lugo

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa celebra este venres 28 de novembro, ás 21:00 horas no restaurante Manuel Manuel, unha nova edición da súa tradicional Gala do Deporte, un encontro que o barrio impulsa desde hai décadas e que se consolidou como unha referencia á hora de recoñecer o traballo e a dedicación do seu tecido deportivo.
Nesta ocasión, a distinción especial da raqueta de ouro recaerá no tenista Carlos Juanatey, mentres que os galardóns anuais premiarán traxectorias moi diversas: desde a petanca, representada por José Manuel Ramil Loureiro “Furilla”, ata o fútbol, co recoñecemento a José Luis Corujo Grandela e ao xogador do CD Lugo David Rosón Fernández, pasando polo fútbol sala, onde serán distinguidos Alex Diz Teijeiro e Antonio Diz Teijeiro do ADC LUGOSALA.
O kárate contará coa homenaxe a Uxía Folgueira González do club Shihan, e o hóckey en liña recoñecerá o labor de Óscar Manuel Romay López, director do Comité Nacional e secretario da Federación Galega de Patinaxe.
Tamén recibirán premio o loitador Pablo Pintos do club Loita Lugo; o equipo Dragonas do club Cidade de Lugo Piragüismo; o boxeador Anxo Otero Romay; a especialista en orientación Sara Nogueira Porto; o triatleta Javier Mon Fernández; os atletas Adrián Ben Montenegro e Juan A. Gude Vila; a bailarina Lili Téllez Magaña; o piragüista Miguel Rouco Rodríguez; o Club de Pesca de Begonte; e o cazador Jesús Darriba Burgo.
Ademais, o acto renderá homenaxe a María Teresa “Tita” Franco Martínez, fundadora da Peña Atlética de Madrid no barrio.
Con apoio da Deputación de Lugo e do Concello, a gala converterase unha vez máis nun punto de encontro entre deportistas, familias e entidades que manteñen vivo o espírito comunitario e deportivo da Milagrosa.