A gala 'Milagrosistas do Ano' terá lugar o vindeiro 10 de xuño
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo anuncia a próxima celebración da súa data máis destacada: os “ Milagrosistas do Ano”, que neste 2022 alcanza xa a súa 31 edición premiando e recoñecendo o labor e traxectoria de persoas e entidades a favor das iniciativas sociais vinculadas a este barrio da capital lucense, o ‘Barrio Senlleiro’, que é o da Milagrosa.
O próximo 10 de xuño, venres, terá lugar a entrega de galardóns, así como tamén se procederá á cea conxunta no Restaurante “Manuel Manuel”, como vén sendo tradicional. E, todo iso, acompañado dunha selección musical que marcará o lado máis persoal e emotivo de cada un dos galardoados, tras a lectura do seu currículo. Todo iso, co Presidente desta entidade, Jesús Vázquez Varela, como mestre de cerimonias, quen afirma que “cada edición desta data tan relevante para a nosa Asociación volve ser especial”.
Queda, desde este momento, aberto o prazo de presentación de candidaturas aos galardoados desta 31 edición dos “ Milagrosistas do Ano”, mediante a achega do seu currículo, que acredite a súa vinculación con este barrio e as súas iniciativas sociais.
Aínda sen coñecerse o nome propio de quen será os seus protagonistas, o que si é seguro, é que esta nova edición, a 31, encherá de orgullo e emoción á sociedade lucense en xeral; e, en particular, á deste barrio, cuxo marcado carácter reivindicativo segue plenamente vixente.