A Gran Senda do Navia busca apoio dos presidentes de Galicia e Asturias para acadar o impulso definitivo

A Federación Provincial de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti e a Sociedade de Amigos de Boal veñen de anunciar que solicitarán encontros cos presidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Principado de Asturias, Adrián Barbón, co obxectivo de trasladarlles a relevancia estratéxica da Gran Senda do Navia, un proxecto que aspira a ser vertebrador do territorio dos vales do Navia e motor de desenvolvemento para ambas rexións.
Desde o ano 2016, a iniciativa foi collendo forza grazas ao impulso do movemento sendeirista tanto en Lugo como en Asturias. A súa traxectoria xa conta con apoios institucionais significativos, entre eles os dezaseis concellos da conca do Navia, a Deputación de Lugo e o Goberno do Principado. Ademais, no ano 2022, o Congreso dos Deputados recoñeceu a súa importancia declarando a Gran Senda do Navia como “obra de interese xeral” e solicitando a súa inclusión na Rede de Camiños Naturais do Estado.
Con todo, tanto a Federación veciñal como a Sociedade de Amigos de Boal lamentan que os avances reais sexan escasos e, sobre todo, que non exista unha coordinación efectiva entre os executivos galego e asturiano. Un paso importante produciuse o pasado 28 de marzo, cando os 16 concellos da conca asinaron un convenio para impulsar conxuntamente o proxecto, deixando constancia do seu compromiso político e institucional.
No pasado mes de maio, o Senado deixou claro que a Gran Senda do Navia non figura entre as prioridades do Goberno central, o que motivou a posta en marcha dunha campaña de apoio baixo o nome “500 impulsos polo Navia”. A recollida selectiva de sinaturas logrou sumar un total de 596 apoios procedentes de sectores sociais e económicos clave da comarca, superando o obxectivo inicial e certificando a implicación do territorio.
As entidades promotoras insisten en que a Gran Senda do Navia debe formar parte inmediata da planificación estatal en materia de camiños naturais e solicitan que ambas presidencias autonómicas interveñan para garantir, en colaboración cos concellos e o tecido asociativo, que o proxecto se faga realidade nun territorio que precisa iniciativas de desenvolvemento sustentable e cohesión social.