A Granxa Gayoso Castro acolle un curso de xuíces de gando que imparte Acruga

LugoXa | TerraChaXa
Nesta decimo sexta edición hai alumnos de toda Galicia, máis un procedente de Santa Cruz de Tenerife
acruga-curso-xuices
4 Out 2024

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega imparte estes días un novo curso de xuíces, que este ano acada a súa decimo sexta edición, coa participación de vinte gandeiras e gandeiros. As clases, que comezaron hoxe na graxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, serviron para estudar as características da Raza Rubia Gallega e para saber como se deben cualificar os animais, unha vez valorados.

Nesta nova edición hai alumnos das catro provincias galegas, aínda que destaca a representación de ata catro gandeiros e gandeiras chegados de Rodeiro, en Pontevedra. Tamén hai criadores das provincias de Ourense, A Coruña e, en maior número, da de Lugo, coa asistencia de titulares de explotacións no Corgo, Lugo, Sarria, Vilalba, Paradela e Láncara. Curiosamente este ano, entre os alumnos figura un gandeiro de Santa Cruz de Tenerife. A raza autóctona de vacún de carne das Illas Canarias, a Palmera, está catalogada como raza de protección especial, e garda moitas semellenzas coa rubia galega.

Esta mañá abordaron os aspectos nos que se deben centrar para realizar a cualificación lineal do gando vacún de carne, tanto no que atinxe á teoría como na práctica, que realizaron no centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación, cos animais que forman o rebaño de elite desta raza. Na xornada de mañá farán as prácticas de valoración dos animais en granxas colaboradoras do Libro Xenealóxico da raza, para o que se trasladarán a unha explotación de Outeiro de Rei.

Unha vez completen os exames e pasen as probas iniciais de cualificación dos animais, os alumnos farán fronte á derradeira proba para obter ese diploma que lles acredita para valorar e calificar aos animais, coidando ao máximo que cumpran coas características que definen o prototipo racial da Rubia Gallega. Neste curso, uns once alumnos optan a obter o título de xuíz amateur; tres o de xuíz auxiliar e outros catro o certificado de xuíz principal.

0.10965490341187