A granxa Gayoso Castro acolle unha xornada sobre dixitalización da agroindustria
Tools4Milk: Dixitalización da agroindustria, un proxecto liderado por DATAlife Hub de Innovación Dixital, presentará nunha xornada DemoDay este luns, 27 de xuño, na Granxa Gayoso Castro, ubicada en Castro Riberas de Lea, os resultados desta iniciativa sobre madurez dixital do sector lácteo de Galicia.
O obradoiro 4.0 Tools4Milk “realizouse co obxectivo de coñecer as necesidades non cubertas, as barreiras que provoca o escaso avance dixital do sector lácteo galego, etcétera”, según explica DATAlife, entidade que preside Pablo Álvarez Freire e que acaba de recibir da Comisión Europea o selo de excelencia de Hub Europeo de Innovación Dixital (EDIH) e que lle permite destacarse como hub de referencia no entorno da Unión Europea.
A Xornada DemoDay Tools4Milk: Dixitalización da agroindustria que se celebrará na Granxa Gayoso Castro pretende ser tamén un espazo aberto de conversa entre asistentes e relatores para que poñan en común a súa visión da situación actual do sector lácteo e os principais retos que afronta. Os obradoiros, entre os que se inclúe Tools4Milk, están promovidos e impulsados polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Xunta de Galicia, e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-20.
Está previsto que a xornada comece ás 11.30 horas coa presentación e benvida, na que participarán Roberto Fernández, deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo; Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de Negocio do Instituto Galego de Promoción Económica; Lucía Castro, xerente de DATAlife; e Hugo Criado, CEO de Medrar Smart Solutions. Xa ás 12.00 horas comezará a presentación de resultados e solucións dixitais.
Ás 12.30 horas está prevista unha charla-coloquio sobre a Situación actual do sector lácteo e principiais retos. Ao remate deste tempo de diálogo está programada unha visita á Granxa Gayoxo Castro, instalacións agrogandeiras dependentes da Deputación de Lugo. A súa directora, Sonia Verdes, exercerá de guía. O peche da xornada chegará cun café-networking.