A Granxa Gayoso Castro recibe o certificado europeo de benestar animal
A voceira socialista do Goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, xunto ao deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, recibiu da man do Director de Actividade Agroalimentaria en Bureau Veritas, Jacobo de Nóvoa, a certificación de benestar animal Welfare Quality que vén de obter a institución provincial para a Granxa Gayoso Castro, en concreto para a explotación de produción e reproducción de raza Cachena e para a produción de leite de vacas de raza frisona na Granxa Experimental de Leite.
A institución provincial vén de obter este selo de calidade avalado pola Comisión Europea, tras superar unha auditoría exhaustiva realizada por expertos autorizados polo Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA) e que se basea, non só nas características e estado das instalacións, senón na inspección e observación directa dunha mostra representativa dos animais da explotación, avaliando catro aspectos: boa alimentación; bo Aloxameno; boa Saúde; e comportamento axeitado.
No acto de entrega, que tivo lugar neste último centro, García Porto subliñou que a certificación é “un avance importante na mellora continua da Granxa Gayoso Castro que estamos impulsando desde a Deputación, tanto a nivel da xestión administrativa interna, como tamén para seguir potenciando estas instalacións como un referente e como un motor do sector primario e da actividade económica da nosa provincia”, tendo en conta, sinalou, “o peso absolutamente fundamental que ten a actividade agrogandeira en Lugo”.
Jacobo Novoa, director da Actividade Alimentaria en Bureau Veritas, afirmou que “estas certificacións Welfair® obtidas pola Deputación para a cría de vaca nodriza e de vacún de leite demostran o compromiso da institución pública polo coidado e benestar dos animais”. Destacou “a puntuación excelente obtida en varios dos criterios de avaliación da norma como a ausencia de sede prolongada e expresión de condutas sociais”.
Xunto a García Porto e Fernández Rico, no acto estiveron a directora da Granxa Gayoso Castro, Sonia Verdes, e outros responsables das instalacións provincias.